Moitos operarios das subestacións cursaron estudios do segundo ciclo de Formación Profesional, nas ramas de Electrónica, Electricidade, ou a recente Mantemento Industrial e Enerxías Renovables.
¿Pódese instalar un parque en calquera emprazamento?
No. Para levantar un complexo eólico se precisan varios meses de estudios previos para comprobar as características dos terreos, ademais dos ventos dos que se aproveitará a enerxía. Do tempo total invertido por un promotor para a instalación dun parque en Galicia -26,5 meses-, só 7,91 corresponden ás obras necesarias para levantalo, mentres que o resto se inviste en trámites administrativos, informes medio ambientais, obtención de concesións etc. As promotoras deberán tamén acadar acordos cos propietarios dos terreos, ben a través de contratos de compra ou de aluguer.
¿Que son as horas equivalentes?
A hora equivalente é o parámetro empregado na caracterización do aproveitamento da enerxía eólica. Constitúe a relación equivalente entre o tempo de funcionamento da maquina e a súa potencia nominal.
Os mellores emprazamentos eólicos ocupados en España rexistran unha media de funcionamento de 2.530 horas equivalentes anuais. Ese valor sube en Galicia a 2.830 horas, si ben algúns parques superan as 3.000 horas/ano de xeración efectiva.
¿Como se mide o vento?
As medicións da velocidade do vento realízanse normalmente usando un anemómetro de cazoletas. Ten un eixo vertical e tres cazoletas que capturan o vento e xiran; o número de revolucións por segundo son rexistradas de xeito electrónico. Normalmente, o anemómetro está provisto dun catavento para detectar a dirección do vento. En lugar de cazoletas, tamén se usan hélices, aínda que non é o habitual.
Outros tipos de anemómetros inclúen ultrasóns ou ferramentas láser que detectan o desfase do son ou a luz coherente reflectida polas moléculas de aire. Os anemómetros de fío electro-quentado detectan a velocidade mediante pequenas diferenzas de temperatura entre os cables situados no vento e na sombra deste (cara a sotavento).
A vantaxe dos anemómetros non mecánicos é que son menos sensibles á formación de xeo. Nembargante, na práctica, prefírense os de cazoletas, e modelos especiais con eixes e cazoletas quentados de xeito eléctrico poden ser usados nas zonas árticas.
Os fortes ventos soen vir dunha dirección determinada. Para amosar a información sobre as distribucións de velocidades e a frecuencia de variación das direccións, pode debuxarse a chamada rosa dos ventos, baseándose en observacións meteorolóxicas das velocidades e direccións destes.
¿Por que avanza máis a eólica que outras renovables?
Sinxelamente porque se desenvolveron antes as soluciones tecnolóxicas en relación cos aeroxeradores eólicos, de aí que a súa explotación comercial acadou índices moi altos nos últimos anos, sobre todo na comunidade galega. Nun futuro moi próximo, a enerxía solar, ó igual que o resto das renovables, contarán co mesmo desenvolvemento.
¿Canta electricidade se exporta e que cantidade se queda en Galicia?
Galicia consume o 63% da enerxía eléctrica total que produce. O parque eólico galego cubre o 21% do consumo doméstico. O parque de enerxías renovables, incluíndo a enerxía hidráulica e solar, cubre o 52% da demanda da comunidade.
¿Que hai que estudar para traballar nun complexo eólico?
A formación necesaria para traballar nun complexo eólico depende do posto ó que se aspire, pero en calquera caso é ampla e cualificada. Nas subestacións eólicas podemos encontrar titulados en Enxeñería Técnica e Superior Industrial, licenciados en Física pola especialidade de Electrónica, entre outros.
Os operarios soen ter cursado estudos do segundo ciclo de Formación Profesional, nas ramas de Electrónica, Electricidade, ou a recente Mantemento Industrial e Enerxías Renovables.
¿De que depende o tamaño dos aeroxeradores?
O tamaño depende do emprazamento e das características do vento, xa que sería pouco rendible colocar unha grande turbina nun lugar de ventos frouxos, xa que estes nin sequera poderían mover a máquina.
Unha turbina cun xerador eléctrico de seiscentos quilovatios soe ter un rotor de uns 44 metros. Si se dobra o diámetro, obterase un área catro veces maior, o que significa que tamén obterá o rotor unha potencia dispoñible catro veces maior. A promotora Somersa é a primeira en Galicia que instalou no parque eólico de As Somozas un muíño de dous megavatios.
¿Cantas emisións de dióxido de carbono evita un muíño?
Un muíño de 1.300 quilovatios xera a enerxía eléctrica que se consume ó longo dun año en mil vivendas, o que equivale ó aforro de dous mil barrís de petróleo e evita a emisión de tres mil toneladas de dióxido de carbono.
A potencia instalada que se estima para 2010 é de 6.500 MW en Galicia, o que suporá un aforro anual de 28,4 millóns de barrís de petróleo, e de 715 millóns de euros á economía de España.
¿Cal é a diferenza entre potencia instalada e enerxía xerada?
A potencia instalada é a potencia nominal á que pode operar un aeroxerador; expresase en vatios. A xerada é a electricidade real producida por unha turbina nun tempo determinado; expresase en vatios/hora.
¿Por que non se acumula a enerxía?
A día de hoxe non se atopou unha solución para a acumulación de electricidade; por iso hai que verter á rede só a enerxía que se consume. Por esa razón, nun día de máxima produción nos parques, aquelas enerxías que si poden ser controladas, como a térmica, reducen a súa xeración a favor da eólica, dándolle preferencia. Deste xeito sacamos máis rendemento a unha fonte renovable e limpa, aforrando emisións á atmosfera.
Cando o sector de renovables acade o nivel de desenvolvemento suficiente como para non depender doutras fontes de enerxía, haberase conseguido un grande logro en beneficio do medio ambiente e da economía nacional.
¿Qué vantaxes aporta a enerxía eólica?
A enerxía eólica, como fonte renovable, ten as vantaxes xerais destas: Que nunca se acabará e que non contamina a atmosfera.
Tamén ten unhas propiedades específicas:
• É segura e renovable.
• Non produce emisións contaminantes, nin xera residuos, salvo os de fabricación dos equipos e o aceite dos engrenaxes, polo demais debidamente xestionados.
• Trátase de instalacións cuxo desmantelamento permite recuperar totalmente a zona empregada.
• Constrúese en moi pouco tempo.
• Fomenta un denso tecido empresarial na comunidade relacionado coa fabricación de compoñentes.
• A súa instalación é compatible con outros moitos usos do solo, como a gandería.
• Crea postos de traballo directos e indirectos.
¿Qué inconvenientes ten?
As fontes renovables tamén teñen inconvenientes xerais: Dependen das condicións atmosféricas e o seu aproveitamento non está suficientemente estudado.
As críticas máis comúns ós parques eólicos céntranse no impacto visual, a incidencia sobre a avifauna e o ruído dos aeroxeradores. Todos estes aspectos foron resoltos satisfactoriamente.
¿Canto costa un muíño?
Instalar un megavatio en Galicia custa ao redor dun millón de euros. Esta cantidade inclúe os gastos de compoñentes da máquina, a xestión dos terreos, estudos medio ambientais, infraestrutura electromecánica, etc.
¿Cantos galegos viven do aire?
Segundo datos da Asociación Eólica de Galicia son 5.500 galegos os que directa ou indirectamente traballan no sector eólico. Os empregos distribúense entre empresas de explotación, de fabricación de compoñentes, de posta en funcionamento das turbinas, así como aquelas compañías de mantemento. A creación de emprego duplicarase para 2010, baixo unha inversión inicial de 4.500 millóns de euros. A estimación é 3.300 postos de traballo directos, que se proxectarán sobre 6.730 e 9.300 empregos indirectos.
Asociación Eólica de Galicia
¿Quere saber máis de nós?
c/ Hórreo, 44 - 3º - 15702 Santiago de Compostela - España
Teléfono: 00 34 981 587 515 Fax: 00 34 981 555 380