|
Os niveis de emisión sonora de tódolos novos modelos de muíños tenden a agruparse entorno ós mesmos valores. Actualmente as turbinas se deseñan para reducir as emisións sonoras. O son non é un problema principal para a industria, dada a distancia á que se atopan os veciños máis achegados; normalmente obsérvase unha distancia mínima duns cincocentos metros.
Ningunha paisaxe está nunca en silencio absoluto. Por exemplo, as aves e as actividades humanas emiten sons e, a velocidades de vento de ó redor de 4-7 metros por segundo (m/s) e superiores, o ruído do vento nas follas, arbustos, árbores etc. afogará gradualmente calquera potencial sonoro dos muíños. Isto fai que a medición precisa do son das máquinas resulte moi difícil. Xeralmente, a velocidades de 8 m/s e superiores chega a ser unha cuestión bastante abstrusa o discutir o rumor dos modernos aeroxeradores, dado co ruído de fondo enmascarará completamente o da turbina.
A reflexión do son por parte das superficies do terreo e dos edificios pode facer que o mapa de son sexa diferente en cada localización. En xeral, corrente arriba dos muíños apenas se oe ningún son.
A maioría da poboación atopa agradable oír o son das ondas na beira do mar, e a outros tantos moléstalles o son da radio do veciño, aínda que o nivel real de son poda ser notablemente menor. Á parte da cuestión do gusto musical, obviamente existe unha diferenza en termos de contido de información. As ondas do mar emiten un ruído "branco" aleatorio, mentres que a radio do veciño ten algún contido sistemático que o seu cerebro non pode evitar discernir e analizar.
Dado ca distinción entre ruído e son constitúe un fenómeno cun alto factor psicolóxico, non é doado elaborar un modelo simple e universalmente satisfactorio do fenómeno do son. De feito, varios estudios indican ca percepción do son dos aeroxeradores por parte das persoas está máis gobernada pola súa actitude cara á fonte de son que polo son real en si mesmo.
|