A Asociación Eólica de Galicia (EGA) únese ao Día Mundial do Medio Ambiente e reivindica a decisiva achega da enerxía producida polos muíños de vento á calidade do aire e unha atmosfera limpa, á redución determinante da contaminación, á diminución drástica dos combustibles fósiles, á loita eficiente contra o cambio climático e á propia saúde. Nos últimos anos a tecnoloxía eólica en Galicia evita unha media aproximada de 6 millóns de toneladas de CO2, os gases tóxicos de efecto invernadoiro.
Os parques eólicos están implantados en áreas de escasa poboación e perfectamente compatibles cos usos agropecuarios e forestais. Máis de trinta anos acreditan esta convivencia e conciliación en máis dun cento de concellos galegos, apoiando estas economías rurais. Ademais, os nosos recintos e os espazos colindantes están sempre ben coidados, limpos e ordenados; favorecendo usos de lecer e turísticos, así como de seguridade contra os incendios no monte. Por outra parte, o sector eólico ten un forte compromiso coa economía circular, porque os elementos que integran as nosas máquinas poden reutilizarse ata o 83 %, e o obxectivo é que se poidan reciclar ao completo.
En plena transición enerxética e descarbonización da economía, precisamos seguir avanzando no desenvolvemento de enerxías renovables e autóctonas, como a tecnoloxía eólica. Porque carbón, petróleo e gas seguen a constituír a principal fonte de enerxía primaria en Galicia, cunha elevada dependencia destes combustibles contaminantes que xira arredor do 70 %. Desgrazadamente, ao paso que imos, non cumpriremos os obxectivos de máis renovable para os vindeiros anos. Facemos cinco anos sen apenas ningunha construcción, porque a práctica totalidade dos proxectos están xudicializados sen data. Seguimos á espera do pronunciamento do Tribunal de Justicia Europeo, logo da interpelación que lle fixo hai un ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
A única realidade é que a enerxía eólica é un elemento fundamental e imprescindible para lograr un modelo independente, limpo e sostible, podendo loitar así contra as principais ameazas para o medio ambiente, que son a contaminación e o cambio climático. En Galicia a eólica é a súa gran aliada.
