O negacionismo renovable pagámolo todos os consumidores

Vivimos un momento especialmente preocupante para os cidadanía e para as empresas. A inflación sitúase xa no 4,9 %, os combustibles fósiles volven presionar os prezos e a electricidade chegou aos 201,99 euros/megavatios hora (MWh) de media, con máximos superiores aos 281 euros/MWh. Esta situación non afecta só á factura da luz. Acaba chegando directamente ao peto dos cidadáns: pagamos máis pola electricidade, polo transporte e pola calefacción, pero tamén polos produtos e servizos que consumimos; porque o incremento dos custos enerxéticos acaba trasladándose ao conxunto da economía. E aquí aparece a enorme contradición: mentres a enerxía se encarece, Galicia mantén arredor de 3.000 MW eólicos suspendidos. Estamos falando dunha enorme capacidade de xeración de enerxía limpa que podería contribuír a reducir a nosa dependencia dos combustibles fósiles, mellorar a competitividade enerxética, protexer as familias fronte á volatilidade dos prezos e, sobre todo, fortalecer a nosa industria. E isto prodúcese precisamente nun momento no que o prezo da electricidade volve alcanzar niveis extraordinariamente elevados. En Galicia poñer en funcionamento a potencia suspendida é esencial para producir máis enerxía limpa e competitiva, reducir a nosa dependencia enerxética e favorecer a industria, o investimento e o emprego, 14.000 postos de traballo.

Neste contexto, as dúas recentes resolucións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG ) son especialmente importantes porque poden representar un paso relevante para recuperar a seguridade xurídica da enerxía eólica en Galicia. Sempre desde o máximo respecto á independencia xudicial, estas decisións recollen a aplicación da doutrina xurisprudencial europea e, especialmente, a establecida polo Tribunal Supremo (TS). E deixan claro que o principio de precaución non pode significar a paralización automática de proxectos que superaron unha avaliación ambiental realizada pola Administración e avalada polos correspondentes informes técnicos. Para suspendelos deben existir datos obxectivos e unha base técnica sólida que acrediten un risco grave e irreparable.

Non pedimos que se constrúa ningún parque que non cumpra a lei. Todo o contrario: esiximos o máximo rigor ambiental. Pero pedimos que aqueles que cumpriron a lexislación, foron avaliados ambientalmente e contan coas autorizacións correspondentes, feitas por funcionarios públicos, non permanezan paralizados indefinidamente.

Europa está acelerando o desenvolvemento das enerxías renovables precisamente nun momento de incerteza económica, xeopolítica e enerxética. Galicia non pode avanzar na dirección contraria. O negacionismo enerxético non protexe o medio ambiente: condénanos a seguir dependendo dos combustibles fósiles, a pagar unha enerxía máis cara e a perder industria, investimento e emprego. Galicia non pode permitirse ter eses 3.000 MW de enerxía limpa paralizados mentres a electricidade alcanza prezos astronómicos.

Manuel Pazo

Presidente da Asociación Eólica de Galicia