Reivindica que os impostos eólicos beneficien directamente os territorios onde están os parques
O seu presidente, Manel Pazo, expresa a “satisfacción” do sector polo recoñecemento “ás cousas ben feitas”
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Eólica de Galicia (EGA) destaca o exemplo do Concello de Muras, que acaba de obter o Premio Eolo 2021 da Asociación Eólica Española por ser un modelo de desenvolvemento socioeconómico, así como de integración ambiental. “Para a Asociación Eólica de Galicia –EGA–, o premio nacional outorgado a Muras acredita, unha vez máis, o notable desenvolvemento económico logrado polo medio rural derivado da instalación de parques eólicos, en lugares moitas veces despoboados e sen oportunidades. Por iso reivindicamos que os impostos e o canon que aboan as empresas eólicas redunden directamente nos territorios onde nos asentamos”, segundo sinala o presidente de EGA, Manel Pazo.
Ademais do respecto polo medio ambiente, Pazo subliña como nos últimos vinte anos Muras pasou das últimas ás primeiras posicións en Galicia, “gracias á implantación eólica”, en canto ao PIB municipal e renda per cápita. “A propia estación eléctrica construída é un paradigma de boa arquitectura integrada na paisaxe –engade–. As rutas de sendeirismo en harmonía coas turbinas e mesmo o turismo de natureza constitúen un paradigma de convivencia. Así que, ademais de parabenizar efusivamente os veciños e Concello de Muras, expresamos a nosa satisfacción polo recoñecemento ás cousas ben feitas”.
O primeiro parque eólico que se instalou en Muras data de finais do século pasado. Hoxe ten 484 MW de potencia instalada. O concello abrangue 163 km2 e posúe 614 habitantes, é dicir, 3,76 habitantes por km2, un ratio moi inferior ás medias comarcais, provincias e comunitarias.
En relación co emprego, medio cento de operarios circulan, a diario, polo termo municipal facendo tarefas de mantemento. E durante as épocas de construción dos parques foron moitos máis postos de traballo os que se xeraron na zona. Tamén veciños e propietarios víronse beneficiados polas rendas de alugamento ou mesmo venda de terras para acondicionar os accesos necesarios.
Segundo fontes municipais, máis do 50% do orzamento local procede do sector eólico, ademais de beneficiarse de diversas rehabilitacións e melloras de infraestruturas públicas, adquisición de vehículos eléctricos… Pero os emolumentos directos para os veciños tamén son moitos: axudas para o pagamento da luz a particulares e empresas, á natalidade, actividades educativas e lúdicas…
Finalmente, Muras obtivo recentemente a consideración de Concello Starlight, por estar exento de contaminación lumínica.