Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia

A Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia acorda solicitar reunións urxentes co presidente da Xunta e o delegado do Goberno en Galicia

).- A Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia (MDRIG) celebrou esta mañá en Santiago unha reunión de urxencia co fin de analizar os pasos a dar nas próximas semanas para ver posibles solucións e alternativas a unhas decisións xudiciais que están a supoñer a paralización completa de todo proxecto renovable en Galicia, así como doutros proxectos industriais –o caso da mina de Penouta, por exemplo–, cun importante impacto para as diferentes empresas que traballan nestes sectores e afectando a toda a cadea de valor.

Actualmente calquera posible proxecto industrial en Galicia choca cunha conxuntura de incerteza, inseguridade xurídica e indefensión, explica a Mesa, como consecuencia desta “xudicialización masiva” de proxectos que contan coa preceptiva declaración de impacto ambiental (DIA) e que, aínda así, están a ser recorridas de forma “absolutamente aleatoria” por plataformas que se negan a calquera implantación en Galicia. Proba disto, engade, é que se están a recorrer todos os plans que obtiveron DIA favorable: “É dificilmente defendible que todos os proxectos incumpren a normativa ambiental ou os seus estudos están mal feitos”. Nesta liña, MDRIG considera “grave” que non se teñan en conta os informes do funcionariado das distintas Administracións nos procedementos xudiciais, “cando si se toman en consideración informes particulares das asociacións carentes de todo rigor”, matiza.

O TSXG paralizou ata o momento uns 20 parques eólicos, e a decisión de elevar unha consulta prexudicial ao Tribunal europeo, a pesar da sentenza do Tribunal Supremo que avalou a forma na que se outorgaron os proxectos recorridos e, polo tanto, anulando as sucesivas suspensións cautelares a máis de 200 MW, “pon ao sector en xaque durante un mínimo de dous anos, con todo o que iso conleva, un impacto de gran relevancia”, advirte MDRIG. Cómpre ter en conta que a paralización de cada parque eólico que contaba con DIA, e en moitos casos con autorización, ten un efecto negativo sobre provedores locais (cimentacións, obra civil, traballos ambientais, transportes) que tiñan previstos traballos que non van poder realizar. “Esta situación provocará a marcha ou saída a outras comunidades e, por tanto, a perda de emprego local”, agrega.

Ante esta conxuntura de “extrema gravidade”, a Mesa acorda solicitar senllas reunións urxentes co presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alfonso Rueda, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; así como cos voceiros de Industria dos grupos parlamentarios. A intención é valorar posibles actuacións que permitan avanzar no desenvolvemento das enerxías renovables, tal como marcan a directiva europea e o Plan Nacional de Integración de Enerxía e Clima (PNIEC), e que as industrias teñan un prezo da enerxía axeitado e accesible. Igualmente preténdense analizar as posibles solucións a implantar desde o Goberno de Espala para que os proxectos paralizados non se vexan prexudicados por causas alleas aos promotores, concretamente no referente aos incumprimentos de fitos por xudicialización dun proxecto.

70 proxectos eólicos e 3.000 MW de potencia

Hai uns 70 proxectos eólicos, que supoñen 3.000 MW de potencia, afectados pola xudicialización. “Falamos duns 4.200 millóns de euros e máis de 4.000 empregos, ademais de toda a dinamización da contorna nun hábitat esencialmente rural”, advirte MDRIG. Galicia necesitará 8 TWh adicionais para responder á electrificación da economía e aos 32 novos proxectos industriais de carácter estratéxico. Suporán 6.300 millóns de euros de investimento e a creación de 14.000 empregos, entre directos e indirectos, segundo datos do estudo de impacto que se fixo público o pasado outono. “Todo isto perderíase de seguir freando a implantación de enerxía eólica, tan necesaria ademais para combater o cambio climático”, conclúe.

Asociación Eólica de Galicia (EGA)

Asociación Gallega del Hidrógeno (AGH2)

Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia (ASIME)

Cámara Oficial Mineira de Galicia

Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL)

Comisións Obreiras de Industria (CC.OO. Galicia)

Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

Federación Gallega de la Construcción (FEGACONS)

Federación de Industria, Construcción y Agro de UGT Galicia (UGT FICA)

Publicado en Sala de prensa y etiquetado , .