EGA destaca a “extraordinaria achega” da planta das Somozas nos últimos vintetrés anos

Reivindica un pacto social pola enerxía eólica

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Eólica de Galicia (EGA) quere subliñar a “extraordinaria achega” da planta de As Somozas durante os últimos vintetrés anos. Fundada en 1997, a fábrica de pas e compoñentes eólicos favoreceu un “importante desenvolvemento económico” en toda a comarca de Ferrolterra-Eume-Ortegal. Aínda naqueles anos en que o sector estivo parado tanto en Galicia como en España, a instalación fabril mantivo a súa actividade “grazas á exportación dos seus produtos” a China, USA, Exipto e varios países de Europa. EGA tamén destaca “a gran capacitación do capital humano do persoal, cualificación que permitiu a moitos traballar fóra de Galicia e España”. EGA engade que a transición enerxética é un marco de oportunidades para que, xa coa súa actividade actual ou con outras relacionadas, o sector eólico continúe actuando como “motor de desenvolvemento económico e industrial” nesas comarcas.

“Para que As Somozas e o resto do sector en Galicia poida aproveitar esta oportunidade que ofrece a transición enerxética, con relevantes fondos públicos comprometidos pola UE, cómpre unha decidida vontade e actuación conxuntas de todas as forzas políticas, empresariais e sociais da nosa comunidade a favor da enerxía eólica. Non esquezamos que o desenvolvemento eólico nos anos noventa é a orixe da creación e asentamento no país de plantas como a de As Somozas e outras. A Xunta de Galicia e o Goberno de España están a facer unha forte aposta polas enerxías renovables en xeral e pola eólica en particular. Pero este camiño debemos percorrelo todos xuntos, de aí que reivindiquemos un pacto social pola enerxía eólica”.

Actualmente, Galicia posúe arredor dun cento de empresas vencelladas ao sector eólico, que xeran máis de sete mil empregos. As compañías promotoras aboan 118 millóns de euros anuais ás Administracións públicas en concepto de impostos, mentres que pagan 11 millóns aos propietarios polo arrendamento dos terreos onde están instalados os parques. Nos últimos doce anos a producción de enerxía eólica galega evitou a emisión á atmofera duns oitenta millóns de toneladas de CO2 ou gases de efecto invernadoiro.

 

Publicado en Sala de prensa y etiquetado , , .