O “III Informe de Actividade do Xurado de Expropiación de Galicia (2006-2020)”, que vén de publicar a Xunta de Galicia, sinala que as expropiacións practicadas por razón dos parques eólicos, nos últimos quince anos, só representan o 1,46%, ou sexa, 764 expedientes dos 51.721 tramitados. “Estamos ante unha porcentaxe testemuñal que indica o mínimo impacto desta figura territorial. Un dato oficial que contrasta abertamente coas continuas acusacións do contrario aplicadas ao noso sector. Repetimos outra vez que, coa oposición de propietarios e concellos a un parque, non vai adiante a súa instalación.
Por outra parte, o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) indica que o sector eólico aboa 3.200 €/MW/ano por alugar o terreo –renda que considera moi baixa–, apoiándose no “Informe anual sobre prezos e mobilidade da terra rústica en Galicia 2019”, publicado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e no que tamén participa a Fundación Juana de Vega. Este informe indica que o prezo medio da terra é de 1,04 €/m2 (1,79 para terreo agrario e 0,64 para terreo forestal).
3.200 €/MW/ano equivalen a unha renda entre 0,5 e 1 € m2/ano, dependendo das características de cada parque eólico. Isto quere dicir, segundo explica EGA, que en tres anos o propietario do terreo onde se implanta o parque xa tería cobrado máis polo aluguer que se vendese a parcela para outros usos. E aínda lle quedarían outros dezasete anos de renda tomando como referencia un contrato-tipo de 20 anos de aluguer, engade EGA.
Outro informe, neste caso a “Encuesta de Cánones de arrendamiento rústico 2018”, publicado por el Ministerio de Agricultura, sinala que o canon medio en Galicia para terreo agrícola é 178 €/ha/ano (0,0178 €/m2). “É dicir, a renda eólica é entre 30 e 60 veces superior á renda por calquera outro uso ao que se poida dedicar unha parcela rural en Galicia”, segundo advirte EGA.
“Os datos, procedentes de fontes oficiais, e a súa confrontación botan por terra acusacións reiteradas e populistas que negan a riqueza económica e social que deixan os parques eólicos no medio rural galego. Son reveladores de como a implantación eólica pon en valor terreos, baldíos a maior parte das veces, e axuda a manter vida en aldeas e pobos envellecidos. Así que deixemos de demonizar a enerxía eólica, cando esta fonte limpa e renovable, ademais de todo isto, contribúe a combater a emerxencia climática e a crise económica”, segundo declara a Asociación Eólica de Galicia (EGA).