EGA demanda á Xunta reducir a moratoria, non incluír novos criterios de distancias e afirmar a continuidade dos expedientes que perdan o permiso de conexión

“Son demandas completamente lóxicas e razoables se non queremos frear en seco o desenvolvemento das enerxías verdes, así como dar certeza e seguridade xurídica ao sector”, segundo explica a entidade asociativa

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Eólica de Galicia (EGA) demanda á Xunta de Galicia reducir o prazo da moratoria de instalación de novos parques ao mínimo posible, non incluír agora novos criterios de distancia de parques aos núcleos de poboación e non impoñer o arquivo dos expedientes que perdan os seus permisos de conexión ou acceso á rede eléctrica.

“Son demandas completamente lóxicas e razoables se non queremos frear en seco o desenvolvemento das enerxías verdes, así como dar certeza e seguridade xurídica ao sector. A moratoria debe servir para ordenar os proxectos que se rexistraron para a súa tramitación, pero é algo que debe facerse no menor tempo posible; así como aproveitar esta suspensión temporal para reflexionar sobre o asunto das distancias, como a normativa axeitada para regulalas, proxectos que quedarán afectados ou a referencia para establecer limitacións de separación, entre outros aspectos. Ademais, cómpre consolidar a continuidade da tramitación daqueles expedientes que perdan os seus permisos de conexión”, tal como explica EGA.

Cambio climático, transición enerxética e crise da enerxía e das materias primas definen, por outra parte, a conxuntura actual. “Ante este escenario, reivindicamos, igualmente, unha maior coordinación entre a Xunta, a Fegamp e o propio sector á hora de trazar a folla de ruta más conveniente para Galicia. Debemos acordar un marco regulatorio estable que permita aos promotores deseñar proxectos viables que, á súa vez, poidan lograr os relevantes investimentos que se precisan, así como baixar a nosa elevada dependencia de combustibles fósiles, cuxa importación supera o 70%, porcentaxe que se traduce en miles de millóns de euros”, segundo advirte EGA.

A entidade sempre demandou a instalación de 400-500 MW de potencia anual, que sumarían 2.500 MW en cinco anos. “É unha cantidade moderada, pero significativa para podermos avanzar na necesaria promoción das renovables. O problema é que no bienio 20-21 non chegamos nin aos 100 MW. Hai algo que non estamos facendo ben, de aí que urxa un pacto social a favor da enerxía eólica como fonte limpa, sostible e xeradora de riqueza no medio rural”, engade.

 

Publicado en Sala de prensa y etiquetado , .