A eólica, o único camiño

O debate eólico, nin o renovable, está na axenda da xente. Se as emerxencias climáticas, como secas prolongadas en Galicia, a dependencia brutal do gas e de combustibles fósiles, e a consecuente suba desmesurada do prezo da luz, que tanto afecta a persoas como a industrias, están a acelerar a transición enerxética e a electrificación da economía, apostemos pola implantación conciliadora co medio rural e natural das enerxías verdes e limpas; é dicir, desenvolvamos as fontes renovables, cuxa tecnoloxía avanza extraordinariamente, eido no que ademais somos pioneiros.

As tensións xeopolíticas, acentuadas esta temporada polo conflito en Ucrania, disparan os prezos de gas e petróleo, que continuarán polas nubes nos vindeiros meses, segundo agoiran os expertos. Por iso, a única forma posible de baixar notablemente o custe da electricidade, e por ende o prezo da factura da luz, é subministrando vento, vento e vento no sistema. Europa aposta decididamente polas renovables, ata tal punto que a eólica será a primeira tecnoloxía na Unión en 2030. Así que Galicia non pode deixar pasar unha oportunidade como esta, cando é unhas das rexións europeas co vento máis eficiente para producir enerxía. Esta é a realidade!

A Xunta de Galicia xa impuxo unha moratoria de ano e medio e ampliou as distancias dos aeroxeradores dos núcleos urbanos, con intención de ordenar a cantidade de proxectos de parques presentados polos promotores no último ano, segundo di o propio Goberno galego. O sector eólico vén demandando desde hai anos a posibilidade de que se instalen arredor de 500 MW/ano, para poder avanzar significativamente e cumprir cos obxectivos do Plan Nacional de Integración de Enerxía e Clima e da Estratexia Climática de Galicia. Entre tanto, xa perdemos comba no bienio pandémico, porque non chega a 100 MW a potencia instalada.

Por outra parte, o 77% do territorio galego está blindado e protexido pola Rede Natura, os Camiños de Santiago e outras figuras de conservación ambiental. Na práctica totalidade dos concellos no que hai parques eólicos, comuneiros e administración local están satisfeitos, porque reciben unhas rendas polos terreos superiores a calquera outro uso (normalmente sitios onde non hai nin crece nada), por unha parte, e impostos e taxas, por outra; ademais do que lles chega derivado do canon eólico que os promotores aboan á Xunta de Galicia como compensación ambiental, 23 millóns de euros anuais.

E se miramos cara atrás, os datos empíricos son reveladores. No período 2008-2019, a eólica en Galicia evitou 78,6 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2), gases contaminantes de efecto invernadoiro, cantidade que supuxo un aforro de 875 millóns de euros en dereitos de emisión de CO2 equivalentes, a penalización económica que as empresas pagan por contaminar. Por todo isto o desenvolvemento eólico pode contribuir eficazmente a mellorar as nosas vidas, as nosas economías e a asumir a nosa cota de responsabilidade política e social na loita, imprescindible e urxente, contra o cambio climático. Quen bloquea a eólica en Galicia?

Manel Pazo

Presidente da Asociación Eólica de Galicia

 

Publicado en Sala de prensa.