A eólica: fonte imprescindible e barata

Precisamos un modelo enerxético renovable, autóctono e independente. Hai máis de vintecinco anos que Galicia iniciou a implantación de parques eólicos, converténdose daquela en referente europeo. Ademais de electricidade procedente do vento –enerxía verde, por tanto–, creáronse moitos postos de traballo e dinamizáronse as modestas economías rurais. Os propietarios dos terreos cobran boas rendas polo alugamento, os concellos perciben o produto de taxas e licenzas, a Xunta pasa unha conta anual de 23 millóns de euros en concepto de canon eólico –que teoricamente revirte logo nos concellos con muíños– e o Estado e a Xunta recadan outros 100 millóns de euros nos correspondentes impostos.

Na práctica totalidade dos territorios onde hai parques eólicos rexen o acordo e a satisfacción entre os veciños. Este uso industrial reversible procura beneficios por riba de usos agropecuarios ou forestais; ademais, onde se colocan os aeroxeradores normalmente é monte pelado onde non crece nada; pero, aínda así, son compatibles cos pastos dos animais. A contorna dos parques está limpa e arreglada mercé ás empresas promotoras, que tamén abren camiños para favorecer un mellor acceso ás fincas. Ninguén pon un parque onde se lle ocorre, xa que hai un esixente marco lexislativo en materia urbanística, patrimonial e ambiental que vela pola súa ubicación e instalación; unha tramitación administrativa que tarda entre tres e catro anos de media, e mesmo esta temporada están saíndo adiante proxectos iniciados hai dez ou quince anos. As empresas precisan certeza e estabilidade xurídica, de aí que sexan as primeiras interesadas en que todo estea en regra. Por certo, ademais de compañías grandes, hai sociedades medianas ou pequenas que tamén operan no mercado eólico.

Mitos e falsidades rodean o debate enerxético. Estamos moi lonxe do obxectivo da procedencia da enerxía consumida. Non podemos confundir electricidade con enerxía, xa que neste caso falamos de gas, carbón, butano, fuel-oil, gasóleo, gasolina… e tamén de electricidade. Galicia non exporta enerxía, xa que importamos o 75% de enerxía primaria procedente de combustibles fósiles. Dicir que a Galicia só lle corresponde o 5% da xeración eólica de España é como dicir que a Vigo só lle corresponde fabricar dez mil vehículos ao ano (os que se matriculan en Galicia), ou que ás empresas lácteas só lles cómpre producir o leite que consumimos aquí, ou que a Valencia só lle toca plantar as laranxas que absorbe aquela comunidade autónoma.

Para mudar esta situación de mínimos en necesidades renovables para os usuarios domésticos e a industria, urxe avanzar no desenvolvemento eólico, xa que no noso país a fotovoltaica e a hidráulica teñen pouco percorrido. E, por se fose pouco, chegou a invasión ucraína de Putin, coa conseguinte e insoportable dependencia do gas ruso, que está a provocar unha rotura do mercado absolutamente insufrible para os cidadáns e as empresas. Por desgraza a enerxía eólica non ten nada que ver cos prezos actuais da electricidade, flutuando entre 200 e 300 €/MWh, segundo os días. Se toda a demanda horaria de electricidade se cubrise con eólica, o prezo no mix eléctrico andaría entre os 30 e 35 €/MWh.

Por comunidades autónomas, a industria eólica de Galicia é a que contribúe coa maior achega –316 millóns de euros– ao PIB e a que máis empregos directos sostén –5.800–; e só en concepto de rendas aboamos máis de 11 millóns de euros anuais aos propietarios dos terreos. Ademais, temos no noso territorio un cento de industrias que manteñen postos de traballo de calidade no medio rural; compañías de todo tamaño que tamén exportan, porque houbo un desenvolvemento previo que sitúan o noso talento e saber facer nunha posición inmellorable para seguir innovando.

En materia ambiental, canto gasta Galicia importando enerxías non propias, como gas, petróleo e carbón? Cal é o coste para a industria e os consumidores? Unha parte importante desta enerxía pode substituírse por electricidade –o imparable proceso da electrificación da economía–, e aí é onde se precisará maior xeración de enerxía eólica. E se nos poñemos a fabricar hidróxeno verde, que de feito hai varios proxectos presentados en Galicia aos fondos Next Generation, só pode ser alimentado por enerxía eólica ou renovable de nova instalación; igual que as electrointensivas que se fagan novas, que están obigradas a vencellarse a eólica de nova creación, se queren beneficiarse dos fondos europeos.

A desbocada inflación rolda o 10%: Inaguantable! Todas as materias primas e todas as actividades económicas dependen da enerxía. Só as renovables traerán novos investimentos, crearán emprego e manterán prezos acomodados para a industria e os cidadáns. É a única solución! Entre tanto, sigamos queimando gas alxeriano ou ruso e carbón de Nixeria. É o que hai.

Manel Pazo
Presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA)
1 abril 2022

Publicado en Sala de prensa.