Oito organizacións representantivas acordan a creación da Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia

A nova agrupación multisectorial denuncia que se está a vivir unha situación de “xudicialización masiva” de proxectos de xeración con enerxías renovables

Hai 3.000 MW de enerxía autorizados sobre os que paira a incerteza, e o risco de perder 9.500 millóns de investimentos e a creación de 9.000 empregos novos, segundo se informou

Unha trintena de iniciativas empresariais, ao abeiro dos fondos NG, precisan “con urxencia” solucións de enerxía limpa e barata para poder continuar ou implantarse, engade a Mesa

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- Asociacións e organizacións sectoriais representativas e vencelladas directa ou indirectamente ás enerxías renovables acordaron esta mañá a creación da Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia (MDRIG) nunha xuntanza que se celebrou en Santiago de Compostela (Hotel OCA Puerta del Camino). Forman esta unión oito entidades:

Asociación Eólica de Galicia (EGA)

Asociación Gallega del Hidrógeno (AGH2)

Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia (ASIME)

Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL)

Comisións Obreiras de Galicia (CC.OO. Galicia)

Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

Federación Gallega de la Construcción (FEGACONS)

Federación de Industria, Construcción y Agro de UGT Galicia (UGT FICA)

Os principais obxectivos que rubricou a MDRIG son a defensa do futuro enerxético e industrial; o seguimento continuo e exhaustivo da situación e as súas implicacións; e a elaboración dun estudo que cuantifique o impacto económico, laboral e social do sector enerxético e a súa repercusión na industria; así como instar ás diferentes Administracións axilidade, estabilidade e garantías

que permitan avanzar con seguridade xurídica no desenvolvemento enerxético e industrial de Galicia. Igualmente, a Mesa terá un “carácter aberto á que se poidan incorporar outros actores implicados”, en aras de que acheguen as súas visións e propostas cara a manter a natureza proactiva desta nova agrupación, segundo destaca o Acordo.

Na xuntanza púxose de relevo que Galicia ten agora mesmo 3.000 MW de potencia renovable que contan con declaración de impacto ambiental favorable e permiso de construción “sobre os que paira a incerteza”, así como o “risco de perder” 7.000 millóns de euros de novos investimentos –aos que cómpre sumar outros 2.500 en concepto de construción dos parques– e máis de 9.000 empregos novos en total. “Ante esta grave conxuntura e ameaza, cómpre dar un paso máis propiciando a colaboración de todas as entidades implicadas directa ou indirectamente na implantación de industrias a curto prazo, así como os riscos concorrentes”, segundo advirte a Mesa, que se reunirá periodicamente.

Ante os compromisos internacionais asumidos a nivel europeo e mundial co obxecto de protexer o medio ambiente, acadar a neutralidade climática e acelerar a transición ecolóxica, reducindo as emisións e dependencia dos combustibles fósiles, a día de hoxe é incuestionable que as enerxías renovables “xogan un papel fundamental”, tal como indica a MDRIG. “Neste contexto, en Galicia, cunha forte oportunidade para a súa industria e para ser referencia en tecnoloxías renovables, está a vivirse unha situación de xudicialización masiva de proxectos de xeración con enerxías renovables, paralizados xa algúns deles. Isto derivou nunha situación de inseguridade que fai perigar os proxectos en marcha, o que constitúe un obstáculo engadido ao exceso de normativa e burocracia que retarda os desenvolvementos, o que nos fai perder competitividade con outras comunidades ou con países veciños”, segundo advirte.

Ademais, indica, as “industrias electrointensivas e máis dunha trintena de propostas expostas ou declaradas como iniciativas empresariais”, no marco dos fondos europeos Next Generation, que se pretenden instalar, necesitan “con urxencia” solucións de enerxía limpa e barata para poder continuar ou implantarse. “Galicia conta con recursos para iso, con industria e infraestruturas portuarias que fan da nosa comunidade unha área cun excelente potencial para investimentos e creación de emprego”, afirma.

Por outra parte, subscribiuse o feito de que a duración dos procedementos administrativos de concesión de autorización e complexidade na tramitación amosou ser a principal barreira do despregamento das enerxías verdes, polo que todos os Estados avogan xa pola simplificación no procedemento e acurtamento dos prazos, de maneira que os obxectivos marcados estean cada vez máis preto

e poidan converterse en realidade. A resolución lexislativa do Parlamento europeo, de 12 de setembro de 2023, recoñece o “interese público superior” das plantas de enerxías renovables e as súas infraestruturas de evacuación, así como a súa achega á saúde e á seguridade pública, segundo se engadiu.

A MDRIG defende, igualmente, que as particulares características do territorio galego fan que a súa participación no desenvolvemento renovable –sobre todo o eólico– sexa “clave” para acadar a transición ecolóxica. “De aí que deban continuar implementándose políticas que faciliten o camiño, sen que isto supoña un menoscabo nas garantías e a protección doutros intereses que deban ser especialmente amparados”, tal como sostén. A enerxía renovable é sinónimo de innovación, pero tamén de medio ambiente e progreso económico e social, o que esixe a racionalización no proceso para o seu despregamento e a colaboración entre todos os implicados, segundo sostén.

“Este é o camiño que está a seguir Europa e considérase imprescindible traballar para que Galicia non quede atrás; porque, de non ser así, o impacto inmediato que tería no desenvolvemento industrial e en toda a sociedade galega sería inasumible, nun momento crucial en que o tempo corre en contra de todos”, conclúe a Mesa.

Publicado en Sala de prensa y etiquetado , .